MANIFESTO DE REXEITAMENTO Á CREACIÓN DUNHA UNIVERSIDADE PRIVADA EN GALIZA

A decisión de mercantilizar un ben universal de repercusión social como é a educación é unha manifestación contra a igualdade de oportunidades, porque aceptar unha universidade privada é aceptar a venda de títulos universitarios atendendo á capacidade económica e non aos méritos e capacidades de cadaquén. Ademais, esta política do PP contra as institucións públicas e a súa aposta polo privado choca directamente cos intereses dunha sociedade galega que solicita e precisa dunha universidade pública de calidade, como garantía e alicerce do seu progreso e avance, suficientemente respaldada pola administración da que depende e, por extensión, da propia sociedade á que se debe e presta servizo.

Os primeiros pasos dunha universidade privada en Galiza, como a promovida polo banco venezolano Banesco Internacional a través de AFUNDACION a través do proxecto de ‘Universidad Intercontinental de la Empresa, son a culminación dun proceso progresivo encabezado pola Xunta para a privatización do sistema público de ensino superior na comunidade autónoma. Trátase dun proceso iniciado nas sucesivas trabas á validación de títulos de Grao e Mestrado, ao que se sumou un proceso literal de depuración daqueles títulos que non cumprían con eses parámetros, sen ter en conta en ningún momento a súa implicación e transcendencia social. A continua privatización do ensino en todas as etapas educativas é unha constante nos gobernos conservadores, aínda que en Galiza no ensino superior era, até o de agora, testemuñal.

Unha administración autonómica non pode deixar de protexer o sistema público de educación, permitindo unha universidade privada que carece dun mínimo índice de calidade, o que vén significar un castigo a un sistema público que si acreditala posuílo. Neste senso, o establecemento dunha universidade destas características non garante os niveis de calidade na formación e capacitación do profesorado, cuestións permanentemente revisadas no Sistema Universitario Galego.

A Xunta de Galiza parece prezarse desta iniciativa privada pois xa o pasado día 14 de decembro de 2018 apresurouse a facela pública a través da páxina web da Consellaría de Educación, e agora xa ten preparado o proxecto de Lei para o seu recoñecemento, co fin de acurtar ao máximo os prazos e favorecer a implantación desta institución privada.

O Consello Galego de Universidades deulle o visto bo á creación desta Universidade grazas ao voto das persoas que ostentan as presidencias dos Consellos Sociais das tres universidades públicas, cargos nomeados polo goberno autonómico e que en ningún momento someteron esta cuestión á consideración dos consellos que presiden, usando o seu cargo como respaldo da creación da universidade vinculada a Abanca.

Precisamos un sistema educativo inserido na nosa realidade nacional para que dea resposta acaída ás necesidades da educación na Galiza, facilite o acceso en igualdade de condicións ao conxunto dos cidadáns e cidadás, garanta un sistema educativo propio, destine os orzamentos necesarios á educación pública, remate coas subvencións ao ensino privado e exerza todas as competencias en materia educativa.

En lugar de atender as solicitudes para a explotación como bens de consumo de intanxíbeis que non debería estar suxeito ao prezo ou custe de mercado, a Xunta debería asegurar ás universidades un plan de financiamento digno e razoábel, aspirando a taxas de inversión acordes con países desenvolvidos e que permitan ás universidades desenvolver a súa misión con mínimas garantías e sen precariedade. O dereito á educación pública universal supón un piar imprescindíbel para construír unha sociedade democrática. Sen uns servizos públicos para todos e todas non é posíbel camiñar cara á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria. Por iso, a educación non debe converterse nunca nun negocio, nunha mercadoría máis.

Na actualidade, as tres Universidades de Galiza e os seus sete campus ofrecen unha cobertura formativa a todo o territorio, adaptándose ás necesidades sociais e laborais que se precisan, ampliando a súa oferta educativa e reorganizando aqueles aspectos cando é necesario. É dicir a Xunta de Galiza, en vez de posibilitar a oferta de novas titulacións nas Universidades públicas, permítelle ofrecelas á privada, ou disfrazar con outro nome titulacións xa impartidas actualmente.

O anteproxecto de Lei indica que esta Universidade privada é de interese galego e sen ánimo de lucro. Pois nin unha cousa nin outra, o interese é dun empresario venezolano ao quen a Xunta de Feijóo lle entregou as nosas Caixas de Aforros, e que se pretende lucrar agora co estudantado galego que teña recursos económicos suficientes xa que soamente poderá acceder un grupo de alumnado que economicamente poida pagar eses estudos, ou aqueles que recorran a un grande endebedamento.

A creación desta universidade privada suporá ademais que as universidades públicas, que xa teñen dificultades polo descenso de alumnado nos últimos anos, vexan incrementado o problema, xa que a maquinaria propagandística non dubidará en mentir sobre os beneficios laborais do alumnado que estude nos seus centros.

Por outro lado, subliñar o feito de que o idioma galego non existe por ningures, a pesar de que o Artigo 2 Obxectivos e fins da Lei 6/2013, de 13 de Xuño, do Sistema universitario de Galicia estabelece no apartado 1.f “ A promoción do galego, lingua oficial e propia de Galicia, e a súa coexistencia co castelán, tamén lingua oficial, e, no seu caso, con outra linguas de interese para a docencia e a investigación”.

Unha Universidade privada sería nefasta para os intereses públicos, para o Sistema Universitario Galego e evidentemente para a poboación, xa que os servizos públicos son o único garante do acceso universal á educación superior do alumnado galego. Por todo isto manifestamos o noso rexeitamento a creación dunha Universidade Privada en Galiza e manifestamos, en nome de todas as organizacións e entidades que conformamos a PLATAFORMA GALEGA EN DEFENSA DA UNIVERSIDADE PÚBLICA o noso firme compromiso co ensino superior público.

Ligazón ao manifesto en PDF

Create your website at WordPress.com
Get started